Carballo | “Ti tes a chave» recolle máis de 4 toneladas de residuos na primeira semana

1 minutes read
  • A iniciativa conta xa con 658 participantes, entre os cales figuran 99 grandes produtores

O programa “Ti tes a chave” botou a andar con resultados máis ca esperanzadores. Na primeira semana xa foron recollidas e trasladadas á planta de compostaxe de Sogama un total de 4,5 toneladas de residuos orgánicos; e este venres realizouse a segunda viaxe. Ademais, as adhesións van en aumento, e nestes momentos xa hai 658 participantes, entre os que figuran 99 grandes produtores.

Tanto o alcalde, Evencio Ferrero, coma o concelleiro de Servizos, Luis Lamas, expresaron a satisfacción do goberno municipal co arranque do servizo e animaron á veciñanza a seguir apostando por un sistema que contribúe á redución das emisións de CO2, garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego e reduce os custos do servizo de recollida de lixo, xa que o canon que pagan a Sogama polo tratamento da 5ª fracción na planta de compostaxe é inferior ao da bolsa negra.

Este domingo, de 10:30 a 13:30 horas, o stand estará no Campo da Feira e as persoas interesadas poden dirixirse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ao local de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34).