Carballo tivo presenza en La Línea de la Concepción no XII Congreso da Rede de Cidades que Camiñan

Xunto co concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, e a representante do Concello de Carballo na xunta directiva da Rede de Cidades que Camiñan, Milagros Lantes, viaxou ata a localidade gaditana o concelleiro Daniel Barreiro.

Un dos actos centrais do congreso, cuxo lema foi “Caminando la frontera”, foi a entrega dos Premios Cidades que Camiñan: A Coruña, como cidade grande; Oviedo, como cidade amiga; Allariz e Astillero, na categoría de cidades pequenas; Chiclana e Oleiros, na de medianas (na que tamén fora premiada Carballo no ano 2018) e Grándola e Porto, en cidades portuguesas. Parabéns a todas!

Entre as numerosas e interesantes intervencións que puideron escoitarse estes días en La Línea incidiuse na estreita relación que existe entre a saúde e o espazo público, aspecto que centrou os relatorios do psiquiatra José Luis Marín, que analizou de que xeito o entorno urbano inflúe directamente na saúde mental, e da xeógrafa e experta en crianza Marta Román, que abordou a necesidade de devolver as rúas á rapazada como motor de cambio social.

O congreso rematou cunha marcha transfronteiriza entre La Línea e Gibraltar, símbolo do lema do congreso, da necesidade de buscar un espazo compartido e da unión entre territorios.

Related posts

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño

O Concello da Laracha mellorará a eficiencia enerxética do Centro Sociocultural da Insua de Caión