Carballo | Todo listo para a Cabalgata de Reis máis longa, con 14 quilómetros de percorrido

1 minutes read
  • A recepción presencial posterior á cabalgata non se realizará, pero a rapazada poderá pedir unha recepción virtual con Melchor, Gaspar e Baltasar

Os Reis Magos tamén teñen unha cita pendente este mércores en Carballo. A situación sanitaria derivada da COVID-19 non permite celebrar a cabalgata como era habitual anteriormente, de xeito que non haberá paxes nin se tirarán caramelos, pero iso non impedirá que Melchor, Gaspar e Baltasar percorran as rúas da vila e cheguen aos diferentes barrios.

De feito, o itinerario será máis longo ca nunca, con case 14 quilómetros de lonxitude, para evitar desprazamentos e concentracións de público. Ademais retransmitirase en tempo real a través das redes sociais e da plataforma www.carballoenrede.com na que tamén haberá un mapa para saber por onde vai a cabalgata.

A saída está prevista para as 17.30 horas, seguindo a ruta deseñada no seguinte plano. Os detalles ofrecéronos a concelleira Milagros Lantes; o alcalde, Evencio Ferrero, e os representantes das dúas empresas que colaboran na visita real: Centro Comercial Bergantiños Gadis-Híper e Grupo Dimolk.

Itinerario de Cabalgata de Reis_Concello de Carballo

Como explicou a concelleira, este ano tampouco haberá recepción persoal pero Melchor, Gaspar e Baltasar están ofrecendo unha recepción virtual a todos os nenos e nenas que o solicitan, e que xa son máis de 100. Ata antes do inicio da cabalgata, na páxina web do Concello de Carballo seguirá habilitado un enlace no que poderá facerse a solicitude ou mesmo enviarlles a carta (se alguén se despistou e aínda non o fixo) aos Reis Magos.

Este ano, dado que non se poderán tirar caramelos nas rúas de Carballo, repartiranse nos actos previstos nas parroquias de Ardaña, Sofán e Lema, onde tamén haberá cabalgatas, e Entrecruces, Cances e A Brea, onde están previstas recepcións reais.