- No período 2017-2021 tamén se presentaron 376 comunicacións previas de inicio de actividades empresariais
No ano 2011 presentáronse as primeiras solicitudes de licenza para a construción de naves na segunda fase do polígono industrial de Bértoa, no concello de Carballo. Na última década tramitáronse 125 proxectos empresariais pero foi nestes derradeiros cinco anos onde se concentraron case o 70% das peticións. Así, do 2017 ao 2021 chegaron á Oficina Técnica Municipal de Carballo 86 solicitudes de licenzas para a construción de naves industriais, 13 delas o ano pasado. Estas cifras correspóndense «co elevadísimo nivel de ocupación e de actividade que ten o parque empresarial de Bértoa, no que só quedan 4 parcelas dispoñibles», sinalan desde o goberno local.
O polígono carballés continuou tamén no 2021 á cabeza de Galicia en venda de solo e, en consecuencia, de actividade urbanística. «Carballo é un destino escollido por empresas de todos os sectores», afirman desde a Alcaldía, especificando que entre as 13 solicitudes de licenza presentadas o ano pasado figuran empresas dos ámbitos agrogandeiro, da construción, a alimentación ou a fabricación de distintos elementos.
O parque empresarial de Bértoa ocupa un millón de metros cadrados de superficie, practicamente esgotada, á espera de que por parte da Xunta de Galicia se desenvolva o proxecto sectorial correspondente á terceira fase, que permitiría poñer no mercado outros 554.000 metros cadrados e evitar que cada vez máis empresas opten por implantarse noutros concellos por non ter solo industrial dispoñible en Carballo.
«O noso concello é, historicamente, o centro empresarial e comercial de todo o ámbito da Costa da Morte», sentencian desde o executivo local, que se apoia nos datos rexistrados na Oficina Técnica Municipal; nos últimos cinco anos presentáronse 376 solicitudes para a posta en marcha doutros tantos negocios, 61 deles no 2021.