- O 65% das persoas que utilizaron o servizo están empadroados noutros concellos, e un 3% residen no estranxeiro
A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional, cuxas oficinas en Carballo se atopan na planta baixa da casa consistorial, tramitou durante o ano pasado 13.939 documentos: 12.720 DNI e 1.219 pasaportes. A oficina recuperou a súa actividade, cunha media mensual de máis de 1.000 documentos, tras cesar a súa actividade durante dous meses no 2020 debido á pandemia.
Do total de usuarios que fixeron uso deste servizo o 35% pertencen ao concello carballés, se ben o 65 % restante correspóndese con habitantes de municipios veciños como A Laracha (1.260), Malpica (máis de 600), Vimianzo (530) ou A Coruña (500). A esta oficina tamén se achegaron 110 persoas de fóra de Galicia e 428 de estranxeiros, é dicir, aquelas personas emigrantes noutros países que aproveitaron a súa estadía na zona para renovar os seus documentos de identidade. Desde o goberno local sinalan que esta situación se produciu sobre todo durante as vacacións xa que «a maior parte dos usuarios da oficina durante o Nadal e o mes de agosto axústanse a ese perfil».
A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional de Carballo cumprirá cinco anos o próximo 20 de marzo, e dende a súa posta en marcha mantén unha actividade moi elevada con máis de 60.000 documentos tramitados.
Aquelas persoas que precisen usar este servizo deberán solicitar cita de xeito telemático ou de forma presencial, de luns a venres, en horario de 09:00 a 14:30 horas. Para a expedición ou renovación da documentación é preciso achegar unha fotografía actual e, no caso de necesitar actualizar o enderezo, será necesario presentar un xustificante de empadroamento.