Dous accidentes con catro motocicletas implicadas embazaron unha xornada, a priori, tranquila en canto a incidencias de tráfico este luns na Costa da Morte. O primeiro, e máis leve, tivo lugar ás 13:30 horas deste luns nas inmediacións da gasolineira Valcarcel, situada na Avenida da Revolta en Carballo. Dous compañeiros que saían do lugar enfilaron as súas respectivas motos pola estrada comarcal, con tan mala sorte que chocaron entre si na arrancada e un dos motoristas foise ao chan, queixándose posteriormente dun brazo. O 112 Emerxencias Galicia mobilizou a unha ambulancia e aos servizos sanitaros, en primeira instancia, pero os propios implicados declinaron a súa intervención ao atoparse relativamente ben e arranxar de mutuo acordo os danos cun parte amigable.
A casualidade e a fatalidade do destino quixo que seis horas máis tarde, ás 19:30 horas, se producíse en Carballo un novo accidente tamén con dúas motocicletas implicadas, neste caso na intersección das rúas Vila de Negreira con Vila de Noia. Dous moteiros que viaxaban en grupo con outros compañeiros chocaron por alcance ao frear na intersección o que circulaba diante sendo arroiado polo que lle precedía. Como consecuencia do impacto dúas persoas resultaron feridas, unha delas de consideración, ambas foron evacuadas nunha ambulancia do 061 ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). A ambos os sinistros acudiu tamén a Policía Local de Carballo, que instruíu as correspondentes dilixencias sobre o ocorrido.