- O desfile real arrincará ás 17:30 horas o 5 de xaneiro
Os Reis Magos de Oriente terano máis difícil este ano pero, aínda cos peches perimetrais de varios concellos e as medidas sanitarias para facer fronte ao coronavirus, realizarán a súa tradicional cabalgata.
O principal obxectivo do Concello de Carballo é garantir a seguridade dos participantes, por iso desde a Concellería de Cultura programaron para o 5 de xaneiro unha cabalgata máis longa, para que as Súas Maxestades percorran máis rúas e así poidan achegarse ao maior número de nenos evitando desprazamentos.
Se ben as persoas que desexen estar a pé de rúa poderán facelo mantendo as distancias, desde a administración local recomendan evitar concentracións e, para iso, piden que a cabalgata se siga desde as ventás ou a través das redes sociais municipais.
O desfile real arrincará ás 17.30 horas. A comitiva será máis reducida do habitual, sen paxes nin caramelos, pero contará coa participación e a colaboración da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, a Brigada Municipal de Obras, o Parque de Bombeiros e o Grupo Dimolk, que cede os vehículos que transportan as carrozas reais.
Ademais, este ano Melchor, Gaspar e Baltasar ofrecerán unha recepción virtual a todos os nenos e nenas que o soliciten. Con esa finalidade, na páxina web do Concello de Carballo estará habilitado un enlace dende o día 1 ata o mesmo día 5 no que poderá facerse a solicitude, ou mesmo enviarlles a carta aos Reis Magos.