Carballo | Un desprendemento obriga a cortar un acceso á rúa Coruña


Na tarde deste venres tivo lugar un incidente que por sorte non causou danos persoais dado que o local estaba pechado. Tratouse do desprendemento do voo superior da casa que alberga a coñecida Tasca O Mexillón na confluencia das rúas Coruña e Martín Herrera en Carballo. O bordo duns 10 centímetros de ancho que protexe o tellado rodeando todo o edificio serviu ata o de agora nese punto para soportar unha luminaria da iluminación pública, diferente cableado, a iluminación de Nadal e mesmo unha parabólica, pero dixo basta. A sorte foi que nunha zona tan concorrida, tanto pola terraza do propio local de hostalería como polo público en xeral, ninguén resultase ferido. O inmoble, situado en pleno centro de Carballo é coñecido ademais por ser onde naceu o pai do rexionalismo galego Alfredo Brañas, tal e como lembran varias placas situadas no seu exterior polos Centros Galegos de Buenos Aires e Montevideo, como recordo da Galicia emigrada, con motivo da homenaxe ao político rexionalista organizado polo concello de Carballo en 1959, ano do centenario do seu nacemento e aínda hai unha terceira placa, da asociación cultural Lumieira, instalada no 2000, aos cen anos do falecemento de Brañas.