Carballo | Un empresario conta o «calvario indesexable» de rozar a Covid-19

2 minutes read

Nota en falta máis información por parte das autoridades sanitarias á hora de ofrecer datos clarificadores sobre os contaxios, «sería unha boa axuda para ter localizados os brotes e evitar que se propaguen», aclara. «Eu non dou a cara, porque non a dá ninguén, a administración competente é a que debe dar a cara por todos nós, fálase xa de máis de 100 infectados en Carballo e non hai nin un dato oficial que o confirme ou desminta».

O empresario prefire manterse no anonimato, de todos os xeitos tanto el como os seus socios e empregados mantéñense estritamente confinados desde que lles afectou a pandemia.

Este home xestiona unha carpintería de madeira, todo comezou hai unha semana, un dos seus empregados é de Carballo, pero a súa noiva é de Santa Comba e o pasado luns empezouse a atopar mal, «chamou á empresa para comunicalo e xa non veu traballar, fixéronlle a proba e deu positivo en coronavirus».

Aí empezou o calvario, comenta o empresario, tivemos que pechar e someternos todos aos respectivos confinamentos e ás correspondentes analíticas e probas PCR, algo que me parece moi normal. «É unha situación que non lle desexo ao maior inimigo, na cal se che abren varias frontes que che afunden». Primeiro pechar a empresa, «tras carrexar unha crise demoledora comezabamos a estar a lume de biqueira de traballo e en vista tiñamos fornecer o equipamento dun hotel en Barcelona». Logo, a incerteza do confinamento «as horas fánseche eternas mentres non che sacan da dúbida se estás ou non estás contaxiado», «a dúbida se serás ou non positivo, por ti, pero máis aínda polos teus fillos e a túa familia máis próxima».

Por sorte, ningún dos socios nin do resto dos empregados foi contaxiado de momento. «Desexando que este traballador se recupere pronto, o demais terá arranxo», afirma, ao mesmo tempo que lanza un aviso a navegantes, «por favor cumpran con todas as medidas de seguridade e distanciamento social, como dixen antes, nin ao maior inimigo lle desexo pasar por isto».