Un incendio dana tres contedores en Carballo


Na madrugada deste xoves producíronse diversos danos por lume en tres contedores de lixo situados á altura do número 34 da carballesa rúa Andorra. A voz de alarma dérona os propios veciños da zona pasados uns minutos das dúas da madrugada, tras tentar sufocar o lume sen conseguilo. Ao lugar acudiu de inmediato unha patrulla da Policía Local que puido comprobar que un dos contedores de orgánico xa estaba inservible e outros dous seriamente danados, ademais resultaron tamén afectados un canlón dunha vivenda e levemente, polo fume do incendio e o po dos extintores, un vehículo Ford Focus estacionado nas inmediacións. Ao momento tamén acudiron os Bombeiros do Parque de Bértoa. Investíganse as causas do incendio, aínda que todo indica que puido ser provocado.