O 112 Emerxencias Galicia recibiu o aviso de alerta dun particular ás 11:29 horas. De inmediato mobilizouse á Policía Local, a Protección Civil e aos Bombeiros de Carballo. Á súa chegada puideron comprobar que a magnitude do incendio era menor, en concreto nun electrodoméstico, aínda que o fume xerado era alarmante e asolagou varias estancias da vivenda afectada.
Tal e como informaron os Bombeiros de Carballo nun comunicado, unha vez sofocado e controlado o incendio procedeuse a iniciar unha ventilación natural abrindo as xanelas e posteriormente unha ventilación forzada cun ventilador de presión positiva. Fíxose a ventilación do canón das escaleiras xa que o fume expandiuse tamén a zonas comúns e posteriormente a todo o interior do piso afectado. O incendio afectou a unha lavadora e á caldeira de gas ubicada preto da lavadora. Tamén afectou a varios enseres que había no cuarto e o resto do inmoble viuse afectado polo fume.