- O pleno estivo marcado polo compromiso contra a violencia de xénero
A loita contra a violencia de xénero volveu a estar moi presente no pleno ordinario do mes de novembro que se celebrou este luns en Carballo. Durante a sesión os asistentes -excepto membros de TeGa- vestiron unha camiseta morada co lema da campaña realizada este ano polo 25N, ‘E ti, en que punto estás?’, e tras gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista (1.114 desde o ano 2003, cando se comenzaron a contabilizar) procedeuse á lectura e aprobación da declaración institucional contra esta lacra social.
En referencia a este tema saíu adiante, grazas ao apoio do BNG e a abstención de PP e TeGa , unha moción do PSOE na que se insta a colocar unha pancarta nun lugar céntrico expresando o compromiso carballés contra a violencia de xénero así como un contador de vítimas.
Polo demais, a sesión estivo marcada pola súa celebración mediante un formato mixto presencial e telemático e pola unanimidade en varias cuestións urbanísticas: a expropiación de 5.387 metros cadrados de terreo na zona do San Martiño para que Augas de Galicia realice un proxecto de prevención de inundacións nas beiras do Anllóns, así como a aprobación inicial dunha modificación puntual do PXOM no núcleo da Brea.