Carballo | Unha empresa de alimentación busca cinco mil metros de terreo na Revolta


A zona do lugar da Revolta, en Carballo, está en auxe. Varios promotores inmobiliarios xa lle botaron o ollo aos terreos dispoñibles e edificables nun traxecto de pouco máis dun quilómetro, localizado entre A Casilla, en Carballo, e o límite co veciño Concello de Coristanco. Coñecedores do gran proxecto, de máis de 20 millóns de euros, do centro comercial que se situará na zona denominada como Agra do Formigoso, que se está atopando no seu camiño cara á súa total autorización con diferentes tapóns legais en cuestións de impacto ambiental e do Patrimonio Natural por parte da Xunta de Galicia.

Paralelamente os movementos administrativos en diferentes despachos non cesan, a medida que avanzan as obras de instalación de diferentes servizos, así como a senda peonil que xa se atopa nun avanzado estado de construción. O certo é que, en «primeira liña de praia» á fronte da estrada AC-552 non quedan moitos solares dispoñibles, e os que hai están a revalorizarse a velocidade de vertixe cada semana. É o caso dos terreos xestionados pola comunidade de bens Formigoso C.B., aos que lles saíron varias noivas no último ano. Unha delas, unha empresa de alimentación moi coñecida para instalar un gran supermercado duns cinco mil metros cadrados, ademais de aparcamento.

Non é nada novo, o 23 de xuño do ano 2005, a empresa Promociones e Xestións Inmobiliarias Ratisbona S.L & CIA. S. COM, -compañía internacional dedicada ao desenvolvemento, construción e comercialización de diferentes infraestruturas- xa asinaba un contrato de compravenda dunha parcela de medidas similares, precisamente para a implantación dun gran supermercado, cun proxecto de localización dunha rotonda para moderar e axilizar o tráfico rodado sobre a saída e entrada da fábrica de Conservas Calvo, o propio supermercado e a AC-552. Por aquel entón o proxecto arrefriouse, entre outras cuestións porque a multinacional Carrefour absorbeu esa cadea de supermercados e non creu conveniente ter dous establecementos de embergadura similar a pouco máis dun quilómetro de distancia, un en O Capelán-Coristanco, que xa estaba moi avanzado, e outro na Revolta-Carballo.

A día de hoxe moitas cousas cambiaron, a cor política municipal desde o 2.003, os promotores daquela idea, os servizos que se ofrecen na zona e tamén os propietarios de moitos dos solares libres, polo que agora a reactivación dos novos proxectos pode ser real e inminente.