Carballo | Unha intervención policial por VioXén acaba con dous axentes feridos e unha parella detida

Imagen de archivo de miembros de los cuerpos de seguridad del Estado

Os feitos aconteceron a última hora da tarde deste sábado. As forzas da orde recibían unha alerta por un posible caso de violencia de xénero (VioXén) no barrio da Milagrosa en Carballo. Inmediatamente desprazouse ao lugar, en primeira instancia, unha patrulla da Policía Local e máis tarde a Garda Civil. Á chegada dos axentes estes atopáronse cun home de mediana idade nunha actitude moi agresiva na porta dunha vivenda. Lonxe de depoñer a súa actitude ante os uniformados, encarouse cun deles polo que o suxeito tivo que ser reducido e inmobilizado pola forza actuante. Ao tratarse dun vello coñecido en termos policiais e ser identificado, os axentes comprobaron que este home, veciño de Malpica, tiña en vigor unha orde de afastamento dese lugar, no que presuntamente reside a súa ex-parella. A muller saíu á rúa e tamén, lonxe de colaborar coa autoridade, sumouse á disputa agredindo ao outro axente interveniente. Finalmente foron detidos os dous e os axentes de policía tiveron que ser atendidos de rasguños leves no centro de saúde de Carballo. Ao home e á muller detidos poderíaselle imputar un delito contra axentes da autoridade, pero a el a maiores o de quebrantamento dunha orde de afastamento. Trátase dun caso similar acontecido en Carballo en menos de 24 horas.