Carballo | Unha muller ferida de gravidade tras ser atropelada por un ciclista en Cances

Imaxe de arquivo dunha ambulancia do 061

Unha muller de 72 anos, Manuela V.R. resultou ferida de gravidade este martes ao ser atropelada por un ciclista na parroquia carballesa de Cances. Os feitos ocorreron sobre as cinco da tarde nunha pista asfaltada que dá acceso ao campo de fútbol e posteriormente ao Monte Neme, no lugar de Vilariño. A esa hora o 112 Emerxencias Galicia daba a voz de alarma e ao momento acudían a Policía Local de Carballo, a Garda Civil e unha Ambulancia do 061, que evacuou de urxencia á muller ferida, inconsciente e cun forte traumatismo na cabeza ao golpearse na caída contra o asfalto. O ciclista en principio resultou ileso, e foi o que dou a voz de alarma ao 112.

Cabe destacar que esta zona é utilizada con frecuencia por persoas do lugar, de diferentes idades, para pasear. É máis habitual a aglomeración de persoas que de tráfico rodado, pero nalgúns puntos o traxecto estréitase, mesmo con curvas pronunciadas, facéndoo especialmente perigoso para persoas maiores ou con mobilidade reducida. A iso hai que sumarlle que o estado de mantemento da roza é lamentablemente deficiente, polo que agudiza máis aínda o perigo do vial para os peóns.

Dáse a circunstancia de que Manuela perdera a unha filla adolescente noutro brutal accidente de tráfico acontecido en Xoane e que conmocionou á comarca a principios dos anos 90, onde tamén faleceu o condutor do turismo en que viaxaba, resultando gravemente feridas dúas persoas máis.