O alcalde, Evencio Ferrero, visitou a peza artística realizada polo artesán carballés Manolo Eirín, que recreou en cerámica o plano das ruínas do balneario romano realizado polo arquitecto compostelán Miguel Ferro Caaveiro durante a escavación do ano 1777, e que foi recollido por Gregorio Casado González e Rosa María Franco Maside, da Universidade de Santiago, na súa investigación O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Reino de Galicia. A activación do código QR que permitirá coñecer os detalles históricos deste descubrimento e a apertura da fonte completarán a intervención.
A reurbanización da rúa Estrela completará as actuacións previstas no plan director dos Baños Vellos. O Concello de Carballo recibiu esta semana a autorización de Minas -que é preceptiva, precisamente, pola existencia no subsolo das augas mineiro-medicinais-, o que permitirá poñer en marcha o procedemento de contratación da obra. Con este novo proxecto, o investimento na mellora das rúas da contorna do balneario, o único en funcionamento en toda a provincia da Coruña, superará os 700.000 euros.