Carballo | Unha vistosa casa prefabricada adorna a Avenida de Bértoa


A entrada máis concorrida á capital de Bergantiños xa está bonita de serie desde fai unha boa tempada, xardíns, semáforos e roteiro para peóns, carril bici… Pero desde este sábado creceu como da nada, á altura do número 23 de Mirón, unha “mini” casa á cal a primeira ollada non lle falta detalle, madeira, iluminación led e todos os complementos necesarios como calquera gran vivenda. A título de exposición a localización é ideal para ser vista e visitada, sobre todo de noite, que coa súa espectacular iluminación chama moitísimo a atención, mesmo podería beneficiar a unha circulación un pouco mais lenta e por tanto menos perigosa, aínda que esperemos que nunca sexa despistada, mellor aparcar e mirar.

Xa postos, a visión negativa na Avenida de Bértoa está no incumprimento de moitas persoas “atrevidas” que cruzan a diario do Lidl para o hiper que se atopa situado en fronte, onde estaba a antiga Opel. Fano sen escrúpulos, mozos, nenos e maiores, por non desprazarse uns metros aos pasos de peóns cruzan, dependendo a que altura, dous ou catro carrís de circulación e un illote que contribúe ao tropezo. Esperemos que nunca nos teñamos que lamentar diso.