Carballo | Vázquez y Reino patrocina a ruta ciclista ata Razo incluída na Semana da Mobilidade

Presentación da imaxe do Club no 2020. De esquerda á dereita: Guillermo Sande, Xosé Regueira, Vanessa Loureiro, Diego Vázquez, Daniel Vázquez e Marcos Trigo_Arquivo.

  • A construtora carballesa foi adxudicataria de tres das nove sendas que conforman o proxecto Cicl-Ando Carballo, entre elas a senda cicloturística de Razo.

Dentro das actividades que se levarán a cabo do 16 ao 23 de setembro, o sábado 18 terá lugar un percorrido en bicicleta dende o aparcamento do Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper, onde se realizará a saída ás 11.00 horas, ata a praia de Razo, onde se ofrecerá un almorzo saudable a todas as persoas participantes. A ruta contará como guías cos integrantes do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino.
O evento tamén terá unha finalidade solidaria, xa que os participantes poderán contribuír ao desenvolvemento do proxecto “Adianthe”, que está a levar a cabo o Grupo de Investigación en Oncohematoloxía do Servizo de Hematoloxía do CHUS en colaboración coa Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea, e que ten como finalidade o desenvolvemento da intelixencia artificial para o tratamento personalizado do cancro hematolóxico. Con esa finalidade, Asotrame distribuirá material informativo no punto de saída e abrirá unha fila 0 para as persoas que queiran colaborar.


Dende a empresa carballesa afirman “estamos moi orgullosos de ter contribuído á materialización dun proxecto pioneiro, que aposta por unha mobilidade sustentable, a través da execución de tres das nove sendas que forman parte do proxecto Cicl-Ando Carballo”.


Senda 1- Continuidade senda ciclo-peonil: Avda. Bértoa – Polígono Industrial Bértoa, que discorre polo interior do polígono ata a zona do complexo deportivo das Eiroas, o parque de Bombeiros e o novo centro social, ao longo de 994 metros.


Senda 6- Senda ciclo peonil de regreso complementaria ao carril bici Avda. Razo (DP-1902), que discorre en dirección saída do núcleo urbano pola súa marxe dereita ao longo de 1.240 metros.


Senda 7- Senda ciclo turística Carballo – Razo.- A actuación estrela do proxecto Cicl-Ando Carballo permite conectar o núcleo urbano de Carballo coa zona litoral a través de 7.610 metros que discorren na súa maior parte por un trazado alternativo á estrada provincial e de gran interese natural.


En Vázquez y Reino agardan que a veciñanza de Carballo poida desfrutar, a pé ou en bicicleta, destes novos itinerarios para unha mobilidade máis sustentable e saudable.