Carballo | Veciños da avenida de Malpica quéixanse da publicidade esquecida nos farois

1 minutes read

Varios veciños da carballesa avenida de Malpica emitiron un comunicado no que se mostran fartos de que ninguén lles faga caso nas reivindicacións que levan semanas facendo para que se retiren os soportes publicitarios existentes nos postes de varios farois da zona. Afirma que cando fai vento, de noite, é imposible conciliar o soño en varias vivendas, «os carteis en moitos casos están á altura dos primeiros pisos» e é un continuo rozamento de metais que coa chegada do outono e os temporais tememos que a situación empeore. Afirman que é unha práctica habitual o deixar os carteis e as lonas esquecidos nos farois e piden que se tomen cartas no asunto polas autoridades competentes na materia. José Manuel Señarís, un veciño da zona, sinala varios puntos negros do mal facer neste sentido e mesmo de forma concreta afirma que «15 días despois de celebrarse unha feira aínda hai lonas colocadas anunciándoa, e xa non falamos dos carteis de políticos, dous meses despois das eleccións aí seguen». «Realmente o cartel ou a lona non nos estorba, pero os soportes metálicos si, son unha fonte de ruídos, oxido e perigo de caída para os veciños», conclúe.