Carballo | Vieiro continúa cos obradoiros sobre educación afectivo-sexual

Programa 'Quéreme ben' no colexio Artai de Carballo_Vieiro

  • Tamén se están desenvolvendo actividades para previr o mal uso das redes sociais

Avanzan, e con éxito, os diferentes talleres formativos e educativos postos en marcha pola asociación antidroga Vieiro nos colexios e institutos de Carballo e Coristanco.

Un deses talleres é o denominado ‘Quéreme ben’, enfocado na educación afectivo-sexual e dirixido a mozos que cursan os seus estudos de secundaria. O obxectivo deste programa, no que colabora o Concello de Carballo, é previr a violencia de xénero entre os adolescentes, creando ademais conciencia social sobre a desigualdade entre homes e mulleres mediante diversas actividades prácticas. Este programa complementouse con ‘Sexualidade en familia’, cuxo obxectivo é informar a pais e nais das claves, habilidades e actitudes que lles poden servir de guía na educación sexual dos seus fillos.

Ademais, dentro das actuacións levadas a cabo por Vieiro sobre prevención de adiccións atópase a iniciativa ‘Mar de redes’. Destinada a alumnado de 3º e 4º da ESO, o seu obxectivo é claro: fomentar na poboación escolar o uso adecuado das TICs a través da toma de conciencia dos riscos do mal uso das novas tecnoloxías e dos posibles delitos e consecuencias.

Por outra banda, desde a entidade iniciaron esta semana novas ‘Escolas de familia’ en varios concellos da comarca de Bergantiños como Carballo ou Coristanco. Dentro da súa programación no ámbito de prevención familiar, Vieiro proporcionará ferramentas a toda persoa encargada de desempeñar o labor de educador. Entre algúns dos contidos do curso figuran a autoestima, a xestión de emocións, a sexualidade, técnicas de estudo, adiccións ou trastornos infanto-xuvenís.