Carballo | Vieiro formará a profesionais de Aspaber en novas tecnoloxías

1 minutes read

Ultimamente, ademais de estar a medrar os problemas asociados ao uso inadecuado das novas tecnoloxías entre a poboación adolescente e xuvenil, súmase o papel das novas tecnoloxías como facilitadoras de acceso ou potenciadoras doutras condutas adictivas, especialmente dos xogos de aposta e o xogo en liña.

Co obxectivo de dar resposta a esta situación de gran preocupación entre os/as profesionais e de fomentar na poboación o uso adecuado das TICs a través da toma de conciencia dos riscos do uso das novas tecnoloxías, de posibles delitos, das súas consecuencias ou das formas de protexerse, así como previr o uso problemático da internet, das redes sociais e outras prácticas de risco asociadas a estas tecnoloxías como as que entrañan as novas modalidades de xogo (videoxogos, apostas, xogos de azar en liña), a Asociación Vieiro impartirá o vindeiro luns, día 29 de agosto ás 9 horas, un curso formativo dirixido aos/ás profesionais da Asociación Aspaber de Carballo, acto que terá lugar na Brea, nas instalacións desta entidade.

O taller que leva por título Mar de Redes, tratará sobre o uso seguro das novas tecnoloxías. Nel abordaranse diversos aspectos coa finalidade de dotar de coñecementos básicos aos/as profesionais sobre o mundo dixital e as ferramentas tecnolóxicas que máis se utilizan. Abarcaranse distintos contidos acerca de como informar sobre a mellor maneira de educar e formar aos/as adolescentes no uso responsable das novas tecnoloxías, conceptos tecnolóxicos que mozos e mozas empregan na súa vida cotiá, riscos asociados a unha utilización irresponsable dos dispositivos e o uso da internet.

A formación será impartida pola profesional de Vieiro: Dalila Vizcaíno Regueira. A Asociación Vieiro, agradece a excelente disposición e facilidades dadas pola Asociación Aspaber para poder levar a cabo este programa.