Carballo | Membros do goberno local visitan as obras de mellora viaria no casco urbano

Obras en Vázquez de Parga_Concello de Carballo

  • Os traballos concéntranse no ámbito dos Baños Vellos e na rúa Vázquez de Parga

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado polos concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Obras e Servizos, Luis Lamas, realizou este mércores un percorrido polas obras de mellora viaria que están en marcha nestes momentos na zona urbana, e que teñen como finalidade seguir modernizando os servizos de auga, saneamento, alumeado, gas e cable así como continuar dando pasos cara a accesibilidade universal. Nestes momentos os traballos concéntranse en dous ámbitos: a contorna do balneario e a rúa Vázquez de Parga.

No primeiro están en execución, por parte da empresa Excavaciones y Obras Candal, os traballos de reurbanización das rúas Ourense e Baños Vellos nas que se renovarán ou instalarán todos os servizos ademais de implantarse unha plataforma única. O proxecto tamén prevé a plantación de arborado e a instalación de mobiliario urbano e dunha fonte no encontro das rúas. Este será o elemento central dunha intervención artística para rememorar a historia termal do ámbito.

As obras que se están realizando nas rúas Ourense e Baños Vellos forman parte do plan director de mellora da contorna do balneario, que inclúe tamén a reurbanización das rúas Pontevedra, xa adxudicada e que se acometerá de seguido; Chile, que está en licitación nestes momentos, e Estrela e Lugo, que xa teñen orzamento e contrataranse nos vindeiros meses. O investimento total nese ámbito achégase aos 700.000 euros.

Pola outra banda, a actuación que está a desenvolver na rúa Vázquez de Parga forma parte do proxecto Cicl-Ando Carballo, que inclúe a construción de 18 quilómetros de sendas ciclo-peonís.

A denominada Senda 8 conectará, ao longo de 531 metros, a zona urbana co polígono de Bértoa a través do itinerario xa existente na avenida do mesmo nome. Ademais de resolver os problemas das canalizacións existentes renovándoas e incorporando novos servizos, este traxecto «resolverá un importante problema de mobilidade», afirman desde a Alcaldía. O plan de actuación contempla a creación dun carril bici de 2,5 metros de ancho, separado da zona de aparcamento por unha franxa axardinada con céspede e árbores, mentres que a beirarrúa tamén se modifica para eliminar as barreiras arquitectónicas. Sinalización e mobiliario urbano completan a actuación, que executa a empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 256.960,34 euros dentro dun proxecto global de dous millóns de euros.