O Concello de Carballo volveu a sumarse este xoves 4 de febreiro á conmemoración do Día Mundial contra o Cancro apoiando a iniciativa da xunta local da Asociación Española contra o Cancro para iluminar a Casa do Concello de cor verde. Debido á situación sanitaria provocada pola COVID-19, nesta ocasión non se celebrou ningún acto público, pero todas as persoas que pasaron pola Praza do Concello dende que empezou a anoitecer puideron unirse simbolicamente a este acto de apoio ás persoas que sofren a enfermidade.
Dende a xunta local da AECC, a súa presidenta, Ana Casais, aproveitou a conmemoración para facer un dobre chamamento: por unha banda, ás persoas enfermas e ás súas familias para que se poñan en contacto coa asociación chamando ao número de teléfono gratuíto 900 100 036, que funciona todos os días do ano e as 24 horas do día, ante calquera situación de necesidade; por outra, a toda a cidadanía, para que siga colaborando coa asociación, xa que, debido á imposibilidade de organizar ningún tipo de acto solidario ou peditorio, está a manterse grazas ás cotas dos socios e socias.
A campaña do Día Mundial contra o Cancro mantén este ano o lema «Eu son e vou…», insistindo na capacidade que todas as persoas teñen de actuar contra o cancro, porque calquera acción individual pode supoñer un cambio a nivel global.
Coristanco
O Concello de Coristanco tamén se tinguiu de verde en apoio a todas aquelas persoas que están a loitar contra o cancro. O cancro continúa a pesar do Covid-19, e aínda que este ano non se puido realizar ningún acto público debido a situación sanitaria, dende Coristanco queren dar visibilidade a esta mensaxe de alento ante os retos que debemos enfrontar en relación a esta doenza.
Ponteceso
A ponte de Ponteceso e a fonte de Corme tamén se iluminaron de cor verde como conmemoración do Día Mundial contra o Cancro, que se celebrou este 4 de febreiro.
Desde o Concello de Ponteceso, sumáronse ao acordo impulsado pola AECC para facilitar á poboación a toma de decisións saudables que minimicen os casos de cancro, para universalizar o acceso aos programas de cribado, o diagnóstico e o acceso aos resultados da investigación, para axudar ás persoas con cancro a afrontar o medo e diminuír a sensación de soidade non desexada, e para que a enfermidade non provoque pobreza nas persoas con cancro máis vulnerables.
Malpica
O Concello de Malpica de Bergantiños tamén se sumou ao acordo contra o cancro coas seguintes reivindicacións: Que toda a poboación teña facilidade para tomar decisións saudables para evitar ata o 50% dos casos de cancro. Que toda a poboación española poida acceder aos programas de cribado de cancro independentemente do seu lugar de residencia. Para axudar ás persoas con cancro a afrontar o medo e diminuír a sensación de soidade non desexada, así como que pacientes e familiares poidan acceder ao tratamento psicolóxico especializado. Que o cancro non provoque pobreza nas persoas máis vulnerables. Que ninguén se quede sin diagnosticar como consecuencia de calquera tipo de crisis. Que todas as persoas con cancro teñan o mesmo acceso aos resultados das investigacións sobre a enfermidade.
Vimianzo
A fachada do Concello de Vimianzo iluminábase de verde na madrugada deste xoves contra o #cancro. Hoxe, mañá e sempre, coa loita das persoas que batallan e batallaron contra esta maldita enfermidade, e tamén coas súas familias e amizades.
Cabana
A Laracha
Camariñas