Carballo volve a lanzar cursos para aprender a usar os teléfonos móbiles

1 minutes read
  • O prazo de inscrición está aberto ata fin de mes nos centros sociais das parroquias, na Casa do Concello e na sede da Cruz Vermella

O Concello de Carballo volve a despuntar no eido tecnolóxico lanzando por segundo ano novos cursos para aprender a usar os teléfonos móbiles, e para iso volve a contar coa colaboración da Asemblea Local da Cruz Vermella.

Durante o ano 2019 un total de 280 participantes de todas as parroquias puideron gozar destes cursos, e a demanda segue activa. Estes días o concello enviou carta informativas aos consellos parroquiais para que colaborasen na difusión desta iniciativa, que sobre todo pretende achegarlle a tecnoloxía aos maiores.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 31 deste mes na Casa do Concello, nos centros sociais das parroquias e na sede da Cruz Vermella.

En función do número e o lugar de residencia dos veciños e veciñas inscritos elaborarase, en coordinación coa Cruz Vermella, o calendario dos cursos en cada centro social. En cada grupo poderán participar 15 persoas, dado que se trata dunha formación moi personalizada, e, como o ano pasado, impartiranse 3 sesións de dúas horas de duración cada unha.