Carballo volve pedir á Xunta o arranxo da estrada AC-414 ao seu paso por Goiáns e Cances

1 minutes read
  • O Concello ofrécese a cofinanciar as obras e a aceptar a transferencia da vía cando estean rematadas

Por quinto ano consecutivo o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, remitiulle á Consellería de Infraestruturas unha solicitude de arranxo da estrada autonómica AC-414 ao seu paso polas parroquias de Goiáns e Cances. Esta última petición, acompañada de 198 sinaturas dos veciños da zona, súmase a outras enviadas cada ano desde o 2017.

O mal estado e a perigosidade da vía autonómica son unha das principais preocupacións da veciñanza de Goiáns, tal como teñen reiterado en sucesivos consellos parroquiais. Por unha banda solicitan a continuación das beirarrúas ata a conexión con Carballo e ata o remate do lugar de Xoane. Ademais, consideran que as rotondas deixan illada á parroquia, polo que piden unha alternativa para o tráfico peonil. Tamén demandan medidas redutoras da velocidade e o acondicionamento da estrada e das beirarrúas existentes.

«Por parte do goberno municipal tense manifestado en repetidas ocasións a disposición do Concello de Carballo a participar no financiamento dunha actuación de mellora integral da vía, asumindo a titularidade da mesma cando rematen as obras», sinalan desde a Executiva. O rexedor considera que unha solución axeitada para ese treito podería ser «unha senda ciclopeonil coma as que se están a executar noutros puntos do concello».