O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, compareceron para dar conta dos asuntos que se debaterán no próximo pleno deste luns.
A corporación municipal aprobará tres bonificacións de impostos para outros tantos negocios turísticos de nova implantación en Razo: un albergue xuvenil, que ten un orzamento de 264.000 euros; un complexo de restaurante, pensión e vivenda, con 442.000 euros de investimento, e un café-bar, con 182.000 euros de orzamento.
O pleno decidirá, por outra banda, sobre as solicitudes de compatibilidade presentadas por tres traballadores/as municipais. Ademais aprobarase a ordenanza que regula o imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, é dicir, a denominada plusvalía, unha vez adaptada á nova lei. Neste sentido, a porcentaxe que aplicará o Concello de Carballo será do 25%, 10 puntos menos do máximo permitido.
A corporación tamén terá que aprobar de novo o contrato administrativo do servizo externo de axuda no fogar, despois de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia anulase o anterior a raíz dun recurso. O cambio non afecta ao orzamento, que supera os 8 millóns de euros, nin ao servizo, senón que obedece á necesidade de establecer un tope máximo de horas de prestación de servizos complementarios.