Carballo xa cheira o Nadal

Cedida

  • O día 3 de decembro acenderase o alumeado que xa se comezou a instalar esta semana

O Concello de Carballo quere que o espírito do Nadal chegue con forza aos seus veciños, sobre todo despois de pasar as festas do ano pasado baixo fortes restricións sanitarias. Así, para ir propiciando un ambiente festivo que ademais contribúa á dinamización da actividade económica, durante esta semana xa se iniciou a instalación do alumeado típico destas datas. O acendido está previsto para o venres 3 de decembro.

Ao igual que no 2020, no que se iniciara a colocación dos arcos a finais de outubro, desde a empresa contratada e o Concello considerouse que era «importante» anticiparse ao incremento da demanda que adoita rexistrarse ás portas do mes de decembro e poder garantir que o alumeado funcione plenamente dende os primeiros días «dun dos meses de máis consumo do ano», sinalan desde o goberno local.

O alumeado de Nadal, coma de costume, estará especialmente presente nas zonas máis comerciais, apoiando deste xeito «unha actividade fundamental para a economía local». A iluminación festiva completarase nas vindeiras semanas coa presenza doutro tipo de elementos decorativos nas rúas e nos espazos públicos.