Carballo xa recende a Nadal

Decoración de Nadal_Concello de Carballo

  • Este mércores quedou instalado no xardín municipal un conxunto decorativo elaborado artesanalmente

Carballo estreou o mes de decembro con novas restricións, pero na localidade seguen loitando para paliar as consecuencias desta crise provocada pola Covid-19. Desde o goberno local buscan contribuír á dinamización de dous sectores económicos fundamentais para a economía local, como son o comercio e a hostalaría, anticipando as accións de promoción propias desta época do ano.

Este mércores quedou instalado no xardín municipal, e grazas ás empresas Dixardín e Ferroser, un conxunto decorativo elaborado artesanalmente polo carballés Fabián Lage. Entre os elementos atópanse uns renos, unha zorra e tamén unha caixa de correos para que os nenos e as nenas poidan depositar as súas cartas para Papá Noel, o Apalpador ou os Reis Magos. Este fermoso conxunto complementarase coa colocación de trinta bastóns decorativos nos postes das luminarias.

Este xoves tamén se producirá o acendido do alumeamento de Nadal que, por seguridade, non se celebrará co tradicional acto público.