Un sector da mocidade levaba moito tempo demandando unha instalación axeitada para a práctica dun deporte que será olímpico en Tokyo 2020, e nas últimas semanas, a medida que se intuía o remate da obra, a expectación ía en aumento. O gran día chegou, coa apertura ao público da skate-praza Rego da Balsa, un proxecto do arquitecto Óscar Pedrós, que tamén asinou o da biblioteca veciña e que, ademais, é un experto patinador.

Aínda que non se celebrou acto oficial nin se anunciou a apertura, dende que a empresa Construcciones López Cao retirou as vallas que impedían o paso durante a execución da obra foi constante a afluencia de afeccionados.

Tamén se achegaron ata a instalación o alcalde, Evencio Ferrero; os concelleiros Luis Lamas, Marcos Trigo e Xosé Regueira, a concelleira Milagros Lantes e o propio Óscar Pedrós, que se amosou encantado polo uso tan elevado da skate-praza no seu primeiro día de funcionamento.