- O programa de compostaxe doméstica permitiu reciclar 1,4 millóns de quilos de materia orgánica
O servizo municipal de recollida de lixo de Carballo xestionou o ano pasado 12.489.400 quilos de residuos sólidos urbanos, envases lixeiros, papel e cartón, vidro, chatarra, madeira ou escombro, que constitúen a maior parte dos residuos que deposita a veciñanza nos 3.000 contedores distribuídos por todo o municipio e no punto limpo.
A cifra total aumenta moi pouco con respecto aos dous anos anteriores, pero a boa nova é que 1.472.000 quilos deses residuos foron recollidos nos colectores marróns, o que significa que o programa de compostaxe urbana está a dar bo resultado.
Tamén hai bos datos no relativo ás recollidas selectivas de aceite vexetal e de roupa. O ano pasado a veciñanza de Carballo depositou nos 30 colectores de aceite distribuídos polo municipio un total de 18.303 quilos, evitando a contaminación de 20 millóns de litros de auga. En canto ao téxtil, á espera do balance do 2020, o ano anterior recolléronse no concello 82.297 quilos que, ademais de contribuír a un labor solidario, evitaron a emisión de 260 toneladas de CO2.
Ademais do aspecto medioambiental, a redución do volume de lixo tamén se nota no peto, porque cantas menos toneladas se envíen a Sogama menos terán que pagar os concellos.