Os bateeiros protagonizaron unha nova reivindicación, neste caso en Compostela, á que seguiron arrestos e mesmo houbo un ferido tras unha carga policial. Finalmente os dous detidos na protesta saíron de comisaría con liberdade con cargos despois de case oito horas de declaración ante a policía. Atribúenselles dous cargos: atentado contra a autoridade e altercados públicos e pasarán a disposición xudicial nos próximos días. O home ferido, natural de Rianxo, foi atendido no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, onde recibiu atención médica. A conselleira de Mar, Rosa Quintana, garantiu en Vigo que espera que poidan reabrirse “en próximas mareas”. O delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que “a orixe desta cuestión” compete á Xunta e que supón que “está en posición de resolver”.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, pediulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “releve das súas funcións” á conselleira do Mar, Rosa Quintana, e que asuma “en primeira persoa” o papel de interlocución entre os bateeiros e os percebeiros para acadar un acordo do que dependen case 3.000 empregos directos e ata 10.000 inducidos no conxunto da cadea mar-industria.