O Concello de Ponteceso asinou este venres os decretos que denegan os permisos para a Festa do Pilar a todos aqueles espectáculos que non foran organizados pola que denominou “tradicional Comisión de Festas do Pilar”. O rexedor afirmou este venres nun comunicado que “foron rexeitadas dúas solicitudes promovidas por particulares (dous veciños) que, ademais de coincidir no tempo, contiñan graves carencias, sendo así incompatibles coa autorización por non cumprir cos requisitos para poder levalas a cabo”.
O malestar e as críticas puxeron a ferver as redes sociais onde xurdiron multitude de opinións contra esta decisión tomada polo rexedor, Lois García Carballido.
Segundo o técnico de contratación da empresa L+1 Espectáculos, que mantén, entre outras, a contratación da orquestra “Unión y Fuerza” para o martes 11, “Un alcalde non pode, segundo a Lei de Espectáculos de 2017, nin autorizar nin denegar unha festa promovida por un grupo de veciños”, asegura. “É un sinsentido, e é máis grave que utilice as redes sociais municipais para anunciar unha decisión unilateral, como me aseguran os técnicos municipais e outros concelleiros, sen ter ademais ningún informe técnico negativo”. “Un alcalde non pode chegar a esta situación por unha lea persoal. Hai que cumplir a lei, e se a cumplen, nada pode facer”, conclúe.
Os dous veciños que están intentando sacar adiante o evento afirmaron que “todo é unha bomba de fume. Nós temos todo en orde, e a semana que vén imos presentar, dentro do prazo, os documentos que nos faltan, polo que seguimos adiante”.
Neste sentido, os responsables do concello co alcalde á cabeza poderían ser denunciados por prevaricación.
Isto é o que di a Ley publicada pola Xunta no 2018
DOG Nº 1, 2 de xaneiro de 2018
“Disposición adicional 4ª. Festas e verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisión de festas
- As festas e verbenas populares organizadas por agrupacións ou asociacións de veciños/as ou por comisións de festas requirirán a presentación dunha declaración responsable dirixida ao concello e formulada polo/s veciño/s ou veciña/s representante/s da agrupación, asociación ou comisión na cal se relate o programa das actividades que se van realizar e as súas características. Á declaración deberase xuntar o compromiso de contratación do seguro previsto na normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia ou documentación acreditativa da dispoñibilidade daquel.
- Se as actividades prevén a montaxe de instalacións suxeitas a declaración responsable ou a licenza a que se refiren os artigos 40 e 42 quinquies, esta será presentada ou solicitada pola persoa titular da instalación”.
Polo tanto, se estes veciños foron os primeiros en solicitar permiso para a festa e teñen toda a documentación obrigatoria, o concello non pode facer nada…en todo caso sería a Vicepresidencia do Goberno da Xunta.
