Nos telexornais, tal e como advirte persoal dos medios públicos e a oposición, unha abafante maioría de informacións escoradas á dereita e ao PP, con preponderancia de críticas ao Goberno central e a apertura de espazos para veteranos –e críticos– ex-líderes socialistas como Felipe González ou Francisco Vázquez.
Profesionais da compañía pública cumpren este venres 100 semanas de protestas contra a manipulación baixo o lema «Defende a Galega». Varios medios fanse eco do sistema de traballo da CRTVG, o diario Público afirma que se algo estivo ausente dos informativos da TVG durante os últimos días foi, desde logo, o pluralismo. Das 19 pezas políticas do telexornal do 15 de abril, 13 cuestionaron as actuacións do Goberno de Pedro Sánchez durante a pandemia. Feijóo dispuxo de catro minutos de emisión. A oposición parlamentaria, conformada por catro formacións políticas, dun minuto e dez segundos. Ao PSOE, primeiro partido da oposición en Galicia, correspondéronlle 25 segundos, centrados na súa solicitude dun plan de protección do tecido produtivo galego. Ao BNG, 44 segundos, nos que esixía a Madrid e Xunta axilizar os trámites dos ERTE. A Galicia en Común, nada. Ao Grupo Mixto, conformado por En Marea, tampouco. Velaí o espazo dedicado ás formacións que representan a case a metade do electorado galego.
Disolto o Parlamento, quedaron disoltos tamén todos os seus órganos agás a Deputación Pemanente. Tamén a comisión de control da CRTVG, que non se reúne dende finais de xaneiro e non volverá facelo ata que se constitúa o novo Parlamento. Na previsión máis optimista, os medios públicos non serían controlados pola Cámara ata agosto. Na máis previsible, ata final de ano. Mentres, toda a oposición, nun feito histórico, uniuse para asinar un comunicado conxunto no que denuncia a «manipulación» dunha TVG «ao servizo de Feijóo» durante a crise sanitaria polo coronavirus.
PSdeG, BNG, Grupo Común da Esquerda e En Marea lamentaron que «siga habendo unha utilización partidista dos medios públicos como canle de publicidade e propaganda ao servizo do Executivo de Feijóo e do PP», logo de denunciar que os escasos debates parlamentarios en plena pandemia non fosen emitidos pola TVG, pero si as comparecencias íntegras de Feijóo: 16 en prime time durante a pandemia, denuncian os partidos.
O colectivo «Defende A Galega» pide a marcha do director xeral, que segundo afirman, segue no cargo de maneira indefinida grazas a unha reforma «ad hoc» da lei de Medios.