Cari Camarero presentou no IES de Baio o seu libro ‘Coralia e Maruxa’

1 minutes read

Cari Camarero amosa na súa obra Coralia e Maruxa, un libro que, a través da historia das irmás Fandiño, contribúe a dignificar e reivindicar a historia de todas as persoas que foron represaliadas, silenciadas e vexadas polo franquismo, persoas que sufriron a limitación de todas as liberdades persoais e sociais.
As irmás Fandiño, que coma moitas persoas, homes e mulleres, foron silenciadas e desprezadas, decidiron, nun momento determinado, desafiar e revelarse contra as normas do réxime ante a alternativa de esmorecer no silencio das paredes da súa casa.
Tomando como exemplo a vida destas dúas mulleres, a autora proponnos a toda a sociedade, e nomeadamente á xente nova, que non se deixe levar pola situación actual na que se manifesta, por parte dun sector da sociedade, unha nostalxia do réxime franquista. Animounos a loitar polas liberdades, polo diversidade, polo respecto á pluralidade e pola construción dunha sociedade xusta e respectuosa. Unha importante ensinanza da para a mocidade por parte de alguén que o viviu en persoa e que, coa súa firme paixón de mestra, continúa a formar a sociedade do futuro.