- A anterior Xograresa, Patricia De Lorenzo, fará a entrega do premio o sábado 10 a partir das 20:30 horas
Este ano o Xograr de Outono, un nomeamento honorífico que concede anualmente o FIOT para salientar o labor dunha persoa ou entidade que, pola súa traxectoria, destaca na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia, recaeu na figura de Carlos Alonso. Durante máis de 40 anos de traxectoria, Alonso participou en máis de cen espectáculos profesionais e conta cun total de once Premios María Casares na modalidade de escenografía e vestiario.
“É un recoñecemento xusto, pois a achega de Carlos Alonso ao noso teatro é incalculable” apunta Alberto Sueiro, director do «FIOT en pausa», a actual edición do Festival Internacional Outono de Teatro debido a actual pandemia.
Alonso, quen sinala que «é unha honra recibir este galardón do FIOT», agradece o apoio das compañeiras e compañeiros que conforman «un grupo que é parte da nosa historia, a historia do teatro galego”.
A anterior Xograresa, Patricia De Lorenzo, será a responsable de facer entrega do galardón. O acto terá lugar unha vez finalice a representación de Curva España no marco do «FIOT en pausa» (sábado 10 a partir das 20.30 horas).