O mosteiro de San Pedro de Soandres acollerá o domingo 23 de agosto un concerto de Carlos Núñez dentro da xira Lugares máxicos do músico galego. O evento organízase no marco do programa Cultura no Camiño, contando coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello da Laracha.
As entradas xa están dispoñibles na web Ataquilla.com ao prezo de 20 euros máis os gastos de xestión. Debido ao lugar de celebración do evento e ás medidas de seguridade que se cumprirán estritamente, o número de entradas que sairán á venda será reducido.
Para o Concello da Laracha en xeral e a parroquia de Soandres en particular acoller un concerto deste nivel nun lugar tan emblemático como o Mosteiro de San Pedro será un momento único e tamén servirá para poñer en valor o patrimonio histórico municipal.