Os traballos de construción do CEIP Novo Mesoiro (na Coruña), que se iniciaron hai seis meses, están avanzando a bo ritmo, polo que se mantén a previsión de que esta infraestrutura educativa entre en funcionamento no curso 2020-21, tal como estaba previsto.
Así o puido comprobar este xoves a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na visita que realizou ás obras, onde subliñou que o seu departamento está traballando de xeito intenso e rigoroso para ampliar e mellorar a dotación educativa sobre todo naquelas zonas onde se rexistra un incremento de demanda de escolarización debido ás dinámicas demográficas, como é o caso desta zona da Coruña, que está a experimentar un importante crecemento de poboación.
De feito destacou que este centro -que supón un investimento de 3,8 millóns de euros por parte do Goberno galego- é un dos seis novos cuxa construción está programada para os próximos anos en Galicia.
Ademais puxo en valor outras actuacións que está levando a cabo o seu departamento en materia de infraestrutura educativa na cidade herculina, entre as que cómpre destacar a rehabilitación integral do IES Eusebio da Guarda (1,2 millóns de euros, actualmente en execución), a rehabilitación integral do IES de Monelos (con 838.000 euros); e a nova instalación eléctrica do CIFP Someso (máis de 319.000 euros).
STEMweek
Carmen Pomar aproveitou tamén para visitar o alumnado participante na STEMweek, a actividade organizada pola Consellería para mellorar as competencias en lingua inglesa e competencia científico-tecnolóxica ou STEM dos estudantes de 3º e 4º de ESO, e que se está a desenvolver no Centro Residencial Docente da Coruña. Nesta primeira quenda, que se prolonga ata o 31 de agosto, gozan da actividade 100 alumnas e alumnos de 3º de ESO, mentres que na segunda, do 1 ao 7 de setembro, farano outros tantos de 4º de ESO.
Tal e como explicou a conselleira, ao longo desta semana o alumnado realiza un programa de accións dirixidas a promover capacidades, coñecementos e técnicas que esperten o seu interese pola ciencia e a matemática. Deste xeito preténdese crear unha canteira científica, especialmente de mulleres, entre o alumnado e afondar no seu dominio da competencia comunicativa en inglés.
Esta convocatoria forma parte da Estratexia Galega de Educación Dixital (Edudixital 2020) e, en concreto, da liña destinada a fomentar as vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), ademais de formar parte da Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (Edulingüe 2020).