Carmen Riveiro Ferreiro (Zas, 1949) leva o pulso da revolución do liño na Costa da Morte. Foi a fundadora de dúas entidades para a posta en valor desta artesanía, das cales preside actualmente a Asociación Amigos do Liño. Carmen forma parte dunha ducia de creadores e creadoras e representantes de entidades que subirán este venres ao escenario do Teatro Colón da Coruña na Gala de entrega dos Premios Culturais da Deputación provincial.
Do mesmo xeito que as demais persoas premiadas recibirán unha escultura creada pola artista Soledad Penalta: un ‘C’ realizado en aceiro que representa o ‘C’ de Cultura e o ‘C’ de Coruña, e que é suxeitado na base por siluetas que representan as persoas que sosteñen e que elevan a Cultura.
Tamén serán galardoados a poeta Yolanda Castaño, os escritores Lois Pérez e Amador Castro, o grupo Mallou, as artesá Verónica Moar, a artista gráfica Myriam Gesalaga, os debuxantes e guionistas de banda deseñada Siqi Luis Yang, Uxía Larrosa e Francisco Pérez Villanueva, o fotógrafo Brais Lorenzo, e as representantes da Comisión de Igualdade do Ceip Barouta e da Federación de Redeiras Artesás O Peirao, todos eles premiados e premiadas nos certames que a área provincial de Cultura convocou en 2022.
A Gala de entrega dos Premios será un acto aberto ao público e a entrada será de balde ata completar a capacidade. As portas do Teatro Colón abrirán ás 18:30h para que todas as persoas que o desexen poidan tamén pasar polo fotocol que se instalará no vestíbulo e que, ao igual que o pasado ano, volverá ter a luz como elemento simbólico e físico. Deste xeito, un ano máis, a luz volverá acadar protagonismo nunha escenografía creada por Sísmica Creativa, co obxecto de manter o simbolismo da luz que a Cultura achega á sociedade a través das diferentes manifestacións artísticas.
O evento, que estará conducido pola xornalista Marga Pazos, contará coa participación institucional do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e do deputado de Cultura, Xurxo Couto. Ademais incluirá a música de Antía Muíño e unha actuación da contadora Carmen Conde.