O presidente da Deputación, Valentín González, o deputado de Vías e Obras, José Manuel Pequeño e o alcalde de Carnota Juan Manuel Saborido, percorreron este xoves o espazo do inmoble que se prevé dedicar a auditorio e que aínda está sen completar, polo que solicitou o apoio económico da Deputación para facer realidade este vello proxecto. «Temos madeira pero non onde cortala», exemplificou o alcalde que destacou a necesidade do municipio de contar con espazo no que desenvolver actividades culturais coma obras de teatro, concertos ou o festival de Nadal.
González Formoso destacou «o interese do proxecto para completar esta importante infraestrutura cultural e dar saída ao gran caudal de talento que se forma na escola de música» e pediu ao rexedor que remita á Deputación un proxecto técnico actualizado co custe que suporían as obras e as actuacións que sería necesario acometer para pór en funcionamento o espazo.