Trátase dunha infraestrutura que dota ao municipio dun espazo escénico moderno, accesible e versátil, chamado a converterse no corazón cultural do municipio.
O acto contou coa presenza do alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, e da deputada da Deputación da Coruña, Mónica Rodríguez, que puxeron en valor a colaboración institucional que fixo posible esta actuación, financiada a través do Plan Único da Deputación, cun investimento superior aos 300.000 euros.
O alcalde Juan Manuel Saborido agradeceu «o apoio imprescincible» da Deputación para acometer as obras e lembrou que a creación deste auditorio responde ao obxectivo de «dotar a Carnota dun espazo cultural á altura do talento e das necesidades do concello». Segundo sinalou, o novo auditorio permitirá dar resposta ás demandas das asociacións culturais, da ESMU e ofrecer unha programación estable e de calidade.
Pola súa banda, a deputada Mónica Rodríguez destacou o «empeño persoal do alcalde para conseguir un auditorio á altura do potencial cultural do municipio, un espazo digno para que a veciñanza de Carnota poda gozar da cultura, para que os rapaces e rapazas da escola de música municipal podan tamén ofrecernos o seu arte en concertos como o que hoxe inaugura este espazo»
Afirmou tamén que este novo auditorio está chamado a ser «o corazón cultural» de Carnota. «Este escenario será, a partir de hoxe, a casa da música, do teatro, da danza, do cine e de todas as expresións culturais que fan de Carnota un concello vivo e dinámico no plano cultural. Un espazo pensado non só para grandes eventos, senón tamén para o día a día da cultura local», afirmou a deputada.
A inauguración do Auditorio Municipal de O Viso realizouse co Concerto de Nadal da Escola de Música de Carnota (ESMU), protagonizado polo seu alumnado, nunha estrea cargada de simbolismo. A escola celebra case tres décadas formando xeracións de mozas e mozos en música, converténdose nun dos grandes piares da vida cultural da comarca, e foi a encargada de dar vida por primeira vez a un escenario que nace pensado para o talento local.