- A asociación Sonlilá pon en marcha o programa «Coas nosas» para reflexionar sobre a violencia de xénero no rural
O próximo 25 de novembro celébrase o Día Mundial da Eliminación da Violencia de Xénero contra a Muller, e varios concellos e asociacións xa comezaron a programar as súas actividades para loitar contra este tipo de violencia, como é o caso da Asociación Sonlilá de Carnota.
Baixo o lema «Coas nosas», a entidade carnotá busca unha reflexión na sociedade ante a problemática da violencia de xénero en xeral, e tamén a que se produce no rural en particular, sobre todo na Costa da Morte.
Entre as actividades programadas atópase a presentación, nas súas redes sociais, da obra #Fala, da recoñecida artista TSZ Man e na que se lles dá voz ás mulleres da comarca. Será este venres 13 e, desde este día e ata o 25, desde Sonlilá visibilizarán a memoria das mulleres asasinadas neste 2020 porque “cremos firmemente que refacer a memoria colectiva é un proceso que contribúe a transformar a sociedade”.
Ademais, a asociación convoca unha concentración na praza da Pedra en Carnota para ver a exposición «As nosas na memoria». Será o mércores 25 de novembro ás 12:30 horas.