- O festival celebrarase o 18 de xuño e haberá dous escenarios: Palmeira e Rego da Balsa
Carballo será a capital galega do rock o próximo 18 de xuño grazas ao festival de música alternativa Rockin’ 22. Despois de dous anos de parón debido á pandemia, este será un regreso por todo o alto para encher de música o sábado previo á Semana Grande do San Xoán.
Haberá dous escenarios: Palmeira e Rego da Balsa. No primeiro actuará Quercus Blues Band, con Huguette e Andrés, a partir das 12.30 horas. Serán os teloneiros de El Meister, alter ego de Javier Vielba, voz e compositor de Arizona Baby e Corizonas. Do seu repertorio din que «rompe moldes» deixando ao público atónito co que escoita.
A música voltará pola tarde, a partir das 19.30, no segundo escenario. Participarán cinco bandas:
Cápsula. Banda nacida na escena do rock underground de Bos Aires en 1997 pero afincada no País Vasco. Recoñecidos internacionalmente polos seus excitantes directos, o seu enérxico son mestura a intensidade do garage rock e raíces do rock and roll co post-punk, noise e psicodelia escura.
Eva Ryjlen. Foi a metade feminina de Idealipsticks, un dos grupos do Rockin’ no 2014. Nesta edición regresa en solitario cun pop poderoso e elegante.
Tito Ramírez. Tamén coñecido como TNT Ramírez, é un dos artistas máis controvertidos dos últimos anos na escena do rhythm and blues nacional. Tras o seu éxito internacional co polémico Lonelyman, no ano 2016 publicou Last train e desatou a loucura.
The Lelli Kelly’s. Unha das tres bandas galegas que tocarán no Rockin’22 xunto con Quercus Blues e Cloaca. Estilo moi peculiar.
Cloaca. Grupo coruñés que repite no festival. Con letras divertidas e eléctricas instrumentacións, a súa música é unha mestura de garage punk e surf.