Carral acolle un obradoiro de pintura mural e a actuación de Lau


O ciclo metropolitano de Música e Artes pola Igualdade, Elas Son Artistas, recala esta fin de semana no Concello de Carral cun obradoiro de pintura mural da man de 7H Coop. Cultural e a actuación de Lau.

Elas tamén Pintan é un laboratorio de arte urbana en clave feminista orientado a concienciar á mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo e a dotar ás mulleres máis novas dun espazo formativo e de creación libre e seguro. A través da combinación de sesións teóricas con obradoiros de experimentación, este pioneiro programa artístico-educativo revisa a historia da arte urbana desde unha perspectiva de xénero, recoñecendo o traballo das artistas galegas, rachando estereotipos e facilitando ferramentas creativas ás participantes para a transformación artística igualitaria do espazo público.

Impartirase na Casa da Cultura de Carral o sábado 31 de outubro de 11.00 horas a 14.00 horas e o domingo 1 de novembro de 10.00 horas a 19.00 horas. Ademais, farase un mural na zona da piscina como peche da actividade. Poden apuntarse mulleres de 16 anos en adiante enviando un email a elassonartistas@gmail.com.

Ese mesmo domingo, ás 18.00 horas na zona da piscina municipal, terá lugar a actuación de Lau, unha artista nova, versátil e multicultural de ascendencia brasileira, educación galega con fortes referencias da cultura estadounidense.