O Concello de Carral celebrará este xoves, 4 de febreiro, un pleno extraordinario con carácter ordinario para dar luz verde ao Plan Único da Deputación da Coruña. Con cargo ao plan provincial, o goberno local propón dedicar preto de 400.000 euros á execución de varios proxectos que supoñerán unha mellora considerable nos servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas. En concreto, as intervencións expostas polo Concello serán as seguintes: instalación de iluminación con tecnoloxía LED na DP-1704, ampliación do Centro Deportivo, reforma interior do polideportivo do Vicente Otero e mellora da capa de rodadura nunha estrada de Tabeaio.
A maiores, levará a pleno a aprobación do Plan Complementario provincial, no que o Concello incluíu cinco proxectos: o reforzo do firme e a canalización da drenaxe de augas pluviais na estrada que une a DP-1704 con Soavila (Cañás), a rehabilitación da pista polideportiva de Tabeaio e espazos anexos, a mellora da capa de rodadura en vías de Paleo e Beira, a humanización e mellora da rúa Paleo –fronte ao centro médico- e a mellora e humanización da rúa Río Canle. Estas actuacións contan cunha asignación de 303.000 euros.