Lucía Durán Paredes resultou gañadora do II Concurso de Poesía Filomena Dato do Concello de Bergondo co poemario ‘Cartografía dos nomes’. O xurado valorou do texto «a súa voz xenuina e a honestidade nun orixinal no que destaca a limpeza e a emoción. A sinxeleza é nel un valor crucial. Quéreselle dar voz a personaxes que moitas veces non a teñen». A autora colleu con ledicia e satisfacción a noticia.
O Salón de Plenos da Casa do Concello de Bergondo acolleu a deliberación do xurado que estivo composto por: Alejandra Pérez Máquez, presidenta, Antía Otero Rodríguez, Míriam Ferradáns Ferradás e Carlos Negro Romero como vogais.
Lucía Durán Paredes (Moaña) exerce coma mestra de bacherelato no IES Johan Carballeira no Concello pontevedrés de Bueu, na comarca do Morrazo. O pasado ano fíxose co premio de poesía ‘Xamón, Pan e Viño’ da Fundación Otero Pedrayo co poema ‘Conxurándonos’.
O certame de poesía Filomena Dato pretende asentarse no panorama cultural galego co obxectivo de contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescata do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como escritora e afervoada feminista galega.
A entrega do galardón terán lugar neste mesmo mes de outubro nunha data por confirmar e contará da autora da obra distinguida.
O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros. A maiores, o poemario ganador pasará a ser publicado pola editora Apiario na súa colección de poesía.