A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou este luns o hotel Casa Jurjo de Mazaricos que contou cunha achega autonómica dentro da liña de subvencións para a mellora da eficiencia enerxética en empresas turísticas de Turismo de Galicia co que se levou a cabo un investimento total de case 175.000 euros.
Este establecemento é unha das cinco empresas turísticas da comarca do Barbanza que resultaron beneficiarias da última convocatoria que deixou máis de 475.000 euros en achegas na zona en establecementos de Mazaricos, Boiro, A Pobra, Muros e Porto do Son. Na provincia recibiron estas achegas 45 establementos por un importe de case 3,3 millóns de euros.
Durante o percorrido, puido coñecer os detalles técnicos da instalación fotovoltaica que ocupa unha superficie aproximada de 141 m² na cuberta do edificio. Esta infraestrutura está deseñada para traballar en paralelo coa rede eléctrica, permitindo que a enerxía xerada sexa consumida directamente polo propio establecemento e, no caso de excedente, inxectada á rede de distribución
A instalación conta cun total de 72 módulos fotovoltaicos, organizados en 4 strings de 18 módulos cada un, acadando unha potencia pico total de 30,06 kW. Estímase que o sistema permite un autoconsumo do 47,53% da enerxía producida, contribuíndo así a unha redución significativa do consumo eléctrico convencional e das emisións asociadas.
Ademais, tamén comprobou o funcionamento da nova bomba de calor xeotérmica, tamén adquirida con esta axudas, para cubrir a demanda de calefacción e ACS tanto nas habitacións como nos espazos comúns do edificio que lle permite un aforro de enerxía primaria non renovable do 30%.
A delegada destacou a importancia deste tipo de actuacións, que combinan innovación, eficiencia enerxética e compromiso ambiental, ao tempo que reforzan a competitividade do tecido empresarial local grazas ao apoio da Xunta de Galicia.
Con estes novos equipos enerxéticos Casa Jurjo avanzou na súa aposta por un modelo máis sostible, aliñado cos obxectivos de transición enerxética e redución da pegada de carbono impulsados pola administración autonómica.
A delegada da Xunta destacou a importancia de apoiar a un sector en auxe “con axudas que non só lles van a permitir aforrar na súa factura da luz, senón tamén mellorar a imaxe e a calidade dos servizos turísticos que se prestan” e lembrou que se trata dunha medida incluída dentro das accións que leva a cabo a Xunta de Galicia para avanzar nun modelo turístico máis sostible e rentable.