Case 100 murais decoran Carballo logo da celebración do Rexenera Fest 2022

1 minutes read

Entre o xoves 2 e o luns 13 de xuño arredor de 400 persoas estiveron implicadas no festival, incluíndo a participación nas rutas guiadas (con 368 visitantes entre particulares e centros escolares), a celebración do obradoiro de tapices con la da man dunha das artistas convidadas, ou no xogo de pistas para familias e a ruta do tesouro “Buscando ouro”. E estas cifras non inclúen a grande cantidade de persoas que se achegaron estes días a falar cos artistas, a percorrer os murais pola súa conta e a observar o traballo nos guindastres.

Este ano foron cinco os artistas que deixaron a súa pegada nas paredes

  • Daan Botlek (Países Baixos) Rúa Gravador Manuel Facal, 9. O último en rematar a súa obra, tamén o que empezou máis tarde, deixa un mural cheo de simbolismo co seu especial estilo característico.
  • Udatxo (País Vasco) Rúa Coruña, 3. O seu mural inspirado nunha fotografía da vila, está situado en pleno corazón de Carballo, moi preto do mercado tradicional.
  • Alba Fabre (Cataluña) Avenida da Milagrosa, 23. O seu mural reflicte unha escena íntima e tenra dunha parella e faille compañía a outro mural con outra parella realizado en 2021 por Iván Floro, Van Vúu, xa que están situados un fronte ao outro.
  • Twee Muizen (Galicia) Rúa Gran Vía, 87. Na súa obra atopamos a unha moza que camiña cara o horizonte.
  • Marija Tiurina (Lituania) Rúa Oriente, 7. Presenta un mural moi colorido e orixinal onde cada figura ten o seu significado.