Case 2.400 mozos de Bergantiños viaxan gratis por Galicia coa tarxeta Xente Nova da Xunta


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou este martes na súa visita a Carballo que 2.387 mozos da comarca de Bergantiños viaxan xa gratis por toda Galicia empregando a tarxeta Xente Nova da Xunta.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou na estación de autobuses do municipio o funcionamento da tarxeta Xente Nova, que permite viaxar gratis aos menores de 21 anos no autobús interurbano da Xunta.

Alí explicou que, ata hai tres meses, esta tarxeta estaba operativa nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra, polo que os mozos de Carballo xa podían viaxar de balde cara á Coruña, por estar integrados nesa área de transporte.

Con todo, desde que a tarxeta Xente Nova se estendeu a toda Galicia, desde o pasado 21 de maio, os 1.339 mozos de Carballo que dispoñen deste dispositivo tamén se poden desprazar gratis no autobús da Xunta cara á Santiago, por motivos de estudo ou de ocio, ao igual que desprazarse de balde polos 313 concellos da Comunidade.

Ethel Vázquez resaltou que empregando este dispositivo todos os mozos galegos, vivan onde vivan, teñen dereito a realizar ata 60 viaxes ao mes de balde en calquera das máis de 3.300 liñas de autobús renovadas que xestiona a Xunta.

Apuntou que esta medida constitúe, na práctica, unha conquista social para a mocidade galega no acceso a servizos básicos como a educación e a sanidade, mediante un transporte público gratuíto; un revulsivo no uso do transporte para os máis novos; e tamén un alivio para o peto das familias, que quedan liberadas de afrontar o gasto do transporte dos seus fillos.

De feito, segundo explicou, o aforro para a familia dun rapaz de Carballo que se despraza todos os días a estudar á Coruña aforrará 1.260 euros ao ano no transporte da Xunta nos 9 meses de curso grazas á tarxeta Xente Nova. No caso de que ese mozo de Carballo estude en Santiago, o aforro será de 1.200 euros anuais.

A conselleira salientou que, desde que se estendeu o dispositivo Xente Nova a toda Galicia, o número de tarxetas expedidas en Carballo se ten incrementado dun xeito, “espectacular”: en abril expedíronse 4 tarxetas, en xullo foron case 90 e en agosto outras case 70, o que pon de manifesto o acerto da medida.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, aproveitou a ocasión para solicitarlle á conselleira que dende o seu departamento se estude a posibilidade de abrir a estación de autobuses á vida urbana mediante a eliminación do peche dianteiro, o que permitiría, por unha banda, a integración do edificio no espazo urbano, unha maior rendibilidade do servizo de hostalaría vinculado á estación e, sobre todo, un incremento de seguridade. Ethel Vázquez cualificou a proposta como “moi interesante” e comprometeuse a tela en conta.