- A Olería de Buño e a Romaría de Santo Hadrián volverán a estar presentes a partir de mañá en Festur
Un total de 194 persoas participaron a fin de semana pasada nas actividades incluídas na campaña ¡Hola cerámica!, unha iniciativa que se desenvolveu nos concellos adheridos á Asociación Española de Cidades da Cerámica (AECC) coa finalidade achegar a cerámica a un público cada vez máis amplo. Visitas guiadas, demostracións do oleiro no torno e obradoiros infantís centraron a atención do público que se achegou ata o Ecomuseo do Forno do Forte, e que realizou unha valoración moi positiva da experiencia.
A promoción da olería é un obxectivo permanente do Concello de Malpica, polo que un ano máis este estará en Festur, a Feira das festas de interese turístico de Galicia, que se celebra en Silleda. No seu stand, Malpica promocionará a Mostra da Olería de Buño e a Romaría de Santo Hadrián, que este ano coincide no seu propio día, polo que se agarda unha participación aínda maior á das últimas edicións.