Case 220 persoas con discapacidade participaron nos cursos formativos de COGAMI no 2021

2 minutes read
  • Un 31% dos alumnos conseguiu traballo tras esta formación

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) desenvolve un plan de formación que ten por obxectivo capacitar á persoa para que logre o seu desenvolvemento profesional. Tendo como meta final a inserción laboral, o programa formativo está adaptado ás necesidades e capacidades das persoas con discapacidade, destinatarias desta formación, aínda que «tamén contempla as demandas do tecido empresarial da zona», sinalan desde a entidade.

Ao longo de 2021, a área de Formación de COGAMI impartiu 21 cursos dos que 14 foron en formato presencial e 7 online. «Intentamos facer a formación presencial con medidas de prevención e seguridade máximas» apunta Paco Abuín, coordinador da área de Formación de COGAMI, quen engade que tamén se programaron cursos a distancia en diferentes zonas de Galicia, cedendo desde a entidade equipos equipos informáticos e conexión a Internet a aquelas persoas que carecían destas facilidades.

Foron un total de 218 persoas as formadas por COGAMI, 129 mulleres e 89 homes, con idades comprendidas entre 40 e 50 anos e, en moitos casos, con certificado de incapacidade laboral para desenvolver a profesión habitual. De todas estas persoas formadas, o 31% logrou inserirse laboralmente ao longo do ano tras pasar por esta formación. «Podemos facer un balance moi positivo dos cursos impartidos durante o ano 2021», apunta Paco Abuín, quen ademais sinalou que están á espera da aprobación da nova financiación para dar continuidade ao programa.

Para poder desenvolver estes cursos, contouse co apoio financeiro da Administración Pública como a Consellería de Emprego e Igualdade, o Ministerio de Asuntos Sociais e o Fondo Social Europeo, así como organismos sociais como a Fundación ONCE e Fundación “la Caixa”.

Prácticas en empresas

O plan de formación impartido contempla clases teóricas e tamén a realización de prácticas en empresas da zona, co fin de que o alumnado tome contacto co mercado laboral e co tecido empresarial da súa comarca, ademais de poder ter a posibilidade de poder rematar estas prácticas cunha oferta laboral da empresa na que as realizou. Durante 2021, foron 30 persoas as que realizaron prácticas en empresas que colaboran desinteresadamente con COGAMI.

Aposta pola formación no rural

Os cursos impartidos desenvolvéronse tanto en zona urbana como rural, sendo estas últimas as de máis interese para COGAMI por careceren de máis servizos que nas cidades. Desde a entidade intentaron realizar o máximo número de cursos na zona rural de Galicia para que «as persoas con discapacidade teñan as mesmas oportunidades de formación na súa propia contorna e non se teñan que desprazar a zonas urbanas».